28/02/25

ENTROIDO

 Levamos toda a semana de troula, e hoxe non paramos. Entre os obradoiros de pintar as caras, o de facer filloas, os de baile, pulseiras, máscaras.. e o desfile.. quedounos un Entroido sostible ben xeitoso.



24/02/25

DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO

Cada 23 de febreiro celebramos o aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, a nosa poeta por excelencia. E cada ano tentamos facer a celebración cunha actividade diferente. Desta vez, escollemos facer ver a importancia de Rosalía polo mundo buscando información de todo o que leva o nome de Rosalía durante as semanas previas, así:

- Ed. Infantil: prazas e parques

- 1º e 2º EP: teatros, museos e edificios culturais

- 3º e 4º EP: colexios e institutos

- 5º e 6º EP: rúas, avenidas, estradas..

As compañeiras e compañeiros de 5º e 6º tamén gravaron un pequeno resumo da súa vida e obra.

O día 24 reunímonos no vestíbulo do edificio principal, escoitamos ese audio pola radio, e ao rematar, achegámonos aos mapas de Europa e de Galicia a colocar as primeiras chinchetas do atopado. Continuaremos colocando pouco a pouco cada curso cando poida, que son moitísimas.


21/02/25

CHEGOU O ENTROIDO!!

Xa temos todo preparado para a festa do Entroido. O Meco empezou a mandar e ninguén pode rechistar.

Aquí vos deixamos os mandados do Meco para toda a semana por se precisades preparalos con tempo. Non hai que mercar nada, todo podemos solucionalo con prendas que teñamos por casa ou que alguén nos empreste. 






13/02/25

DÍA MUNDIAL DA RADIO

Con motivo da celebración do Día Mundial da Radio, que é hoxe, xoves 13 de febreiro, dende a Radio Municipal de Tui convidaron aos centros educativos do concello a formar parte desta conmemoración tan especial. A radio é un medio de comunicación que nos acompaña, nos informa e nos dá voz, e qué mellor xeito de celebralo que implicando ás xeracións máis novas.
A proposta de actividade para que o centro participase activamente foi convidar ao alumnado e ao profesorado a gravar pequenos audios respondendo á pregunta "Que é para ti a radio?". Estes audios emitíronos ao longo da xornada especial que realizaron polo Día Mundial da Radio.
Aquí deixamos algúns dos nosos.