28/2/11

RADIO ESCOLAR-LETRAS GALEGAS E MERGÚLLATE NOS LIBROS








2º PROGRAMA DE RADIO ESCOLAR – CURSO 2010/2011
MARTES 25 DE FEBREIRO
-- Bos días a todos. De novo, os presentadores da Radio Escolar tomamos contacto convosco para comunicarvos algunhas novas relacionadas coa nosa lingua.

-- En primeiro lugar, xa sabedes que desde o día 21 están á vosa disposición, na biblioteca, os libros do programa MERGÚLLATE NOS LIBROS, para que teñades tempo dabondo para lelos con tranquilidade e podades participar todos no concurso.

-- O día dezaoito de marzo entregarémosvos as fichas para que as botedes nas urnas, despois de contestar ás preguntas. Procurade escribir o mellor que poidades, porque iso tamén conta á hora de seleccionar o gañador ou gañadora.

-- Esperamos que todos vos animedes a participar, xa que os libros son moi interesantes e, ademais, xa sabedes que hai agasallos para os mellores traballos.

-- Xa que estamos aquí queremos comunicarvos que o pasado mes de xaneiro, conmemorouse o 50 aniversario da publicación da novela MEMORIAS DUN NENO LABREGO.

-- O seu autor chámase Xosé Neira Vilas. Trátase do libro máis lido e máis traducido da literatura galega, convertido xa nunha obra da literatura universal.
-- O seu protagonista, un neno de aldea, chamado Balbino, vainos contando os seus sentimentos e a interpretación do mundo que o arrodea cos seus ollos infantís.

-- Para finalizar só nos queda comunicarvos o nome do escritor que vai ser homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas.

-- Chámase LOIS PEREIRO. Naceu en Monforte de Lemos, provincia de Lugo, no ano 1958. Escribiu sobre todo poesía. A súa obra é moi breve xa que morreu moi novo, en 1996, aos 38 anos.

-- En vida, Lois Pereiro só publicou dúas obras: POEMAS 1981/1991 e POESÍA DE AMOR E ENFERMIDADE. A desolación e a morte son os temas predominantes na súa poesía.

-- Rematamos cun pequeno poema deste escritor.
Tristemente convivo coa túa ausencia
Sobrevivo á distancia que nos nega
Mentres bordeo a fronteira entre dous mundos
Sen decidir cal deles pode darme
A calma que me esixo para amarte
Sen sofrir pola túa indiferencia.
-- Moitas gracias pola vosa atención e ata o próximo programa.