6/6/11

XABIER DÍAZ; UNHA MAÑÁ C@S NEN@S DO CEIP DE GUILLAREI.









Xabier Díaz (A Coruña, 1969).

Músico e compositor, compaxina ambas facetas profesionais coa súa longa laboura como investigador e compilador do noso folclore tradicional.

Foi membro fundador do grupo Rumbadeira co que editou tres traballos: ''Para cantar como eu canto'' (1995), ''Rumbadeira'' (1997) e ''No faiado dos soños'' (1999). Na súa faceta docente foi mestre (1993-1999) e director (1996-1999) da escola de Música e Baile Tradicional do Concello de Ames.

Ao longo da súa carreira son destacábeis múltiples colaboracións en concertos e traballos discográficos con diversos artistas e formacións como Luar Na Lubre, Amancio Prada, Os Cempés, Marful, Nordestinas ou Fuxan os Ventos.

En 2003 participa no espectáculo Cantos Na Maré (2003) xunto con Uxía Senlle, Manecas Costa, Chico Cesar e Filipa Pais entre outros. Un ano despois, desta volta co guitarrista Guillerme Fernández, edita o disco “Músicas de Salitre“ traballo que os levará a ser finalistas nos Premios da Academia da Música no 2005, acadando ademais o 3º posto na edición dos galardóns La Opinión do mesmo ano.

É cantante titular da compañía Nova Galega de Danza coa que ten realizado os espectáculos Alento (2005) e Engado (2006).

Dentro da súa carreira musical en solitario, gravou o seu segundo traballo “Coplas Para Icía“ (2007), no que rescata músicas do pobo tomadas do seu propio arquivo, compilación froito do extenso traballo de campo que el mesmo leva a cabo entre
os anos 1990 e 2000. Nestas “Coplas para Icía“ ten como
compañeiros de viaxe a Pedro Lamas e Suso Iglesias .

Actualmente é cantante do grupo Berrogüetto, ademais de dirixir e copresentar o espazo radiofónico “Tres Peixes Voando“, da Radio Galega Música, xunto con Guillerme Fernández.