13/2/12

A CESTERÍA










Son moitos os oficios tradicionais da nosa terra galega. Foron cambiando moito co avance da modernidade e a maior parte deles caeron en desuso. Un deles é a arte da cestería

A arte da cestería é anterior á cultura dos castros. A súa influencia pódese percibir, segundo algúns arqueólogos, na decoración trenzada das olas castrexas, nas alfaias prehistóricas e nos sinais de barro que cubrían as paredes das casas nas citanias.

Os cestos facíanse tanto na vila como no medio rural, e a materia prima era a madeira de castiñeiro, carballo, colmo (palla de centeo) e tamén vimbio.

Coma na maioría dos oficios tradicionais, a de cesteiro é unha profesión que pasaba de pais a fillos. Os cesteiros tiñan rutas comerciais, sendo os principais demandantes deles os campesiños, xa que os empregaban para a vendima e para gardar o millo,

A tipoloxía dos cestos en Galicia é enorme, xa que responde aos costumes de cada bisbarra concreta. Cada cesto ten unha utilidade e denominación (chegáronse a recoller máis de 60).

Co paso do tempo, os cesteiros sufriron o que todos os oficios artesanais, é dicir, unha constante diminución das súas vendas, pois os seus cestos non podían competir cos manufacturados industrialmente que eran máis baratos e a súa dispoñibilidade era inmediata, ó non ter que esperar a que o cesteiro os elaborara.

Os cesteiros tiñan unha "lingua propia”, para entenderse entre eles, que se conservou na zona de Mondariz (Pontevedra).

Gran parte dos últimos cesteiros que exercían faleceron, e os que aínda viven abandonaron a profesión, unha profesión á que numerosos escritores galegos dedicaron mencións, artigos e, nalgúns casos, libros enteiros.

Aínda hoxe en día, cando os costumes cambiaron vertixinosamente, é difícil atopar unha parroquia de Galicia onde non se sigan a facer cestos, por gusto ou para uso persoal; xa non como medio de vida.