29/10/10

RADIO ESCOLAR. MAGOSTO







O MAGOSTO
-- Moi boas a todos, “profes” e compañeiros.
-- Aquí estamos, un ano máis, os da radio, para empezar os nosos contactos radiofónicos, que cadran
sempre con algunha festa do colexio.
-- E como dentro de tres días se vai celebrar unha, non podiamos faltar.
-- ¿Que ? ¿Xa adiviñastes de que festa se trata?
-- Pois claro, ¡DO MAGOSTO! A primeira troula do curso. ¡Que ben o imos pasar!
-- Efectivamente. O venres próximo iremos ao campo da feira para asar as castañas, xogar e logo... ¡¡¡a comer!!! E, á final, se nos deixan, enfeluxarnos uns aos outros, que é o que máis nos gusta.
-- Pero, ¿sabedes de onde vén esta festa?
-- Non pensedes que é un invento de agora. Celébrase desde hai moitos, moitos séculos.
-- Veredes. Antes do descubrimento de América, no 1492, aquí non se coñecían as patacas; pero
a xente, que era moi pobre, tiña que encher o bandullo cun alimento nutritivo e que custase pouco.
-- ¿E cal sería este alimento? ¿Non sabedes? ¡¡¡A CASTAÑA!!! Comíanse castañas co caldo, co porco, co leite, ben, con todo. Non podía faltar na mesa, todos os días, unha boa ración de castañas.
-- Non había problema para apañalas porque, nesta época, Galicia estaba chea de soutos, é dicir, bosques de castiñeiros. Agora xa quedan moi poucos.
-- E cando acababa a colleita, poñíanas a secar para poder ter castañas o resto do ano e así non pasar fame.
-- Por iso, a xente, agradecida, facía unha festa por esta época en que abren os ourizos, asando castañas en grandes fogueiras, nas que participaban todos os veciños.
-- Logo as comían acompañadas do viño novo. Cada un traía unha proba das súas pipas, para que todos probasen e deran a súa opinión.
-- Os mozos bailaban arredor da cacharela e aproveitaban para divertirse un pouco. Pensade que nesta época no había discotecas, nin televisión. Había que pasalo ben dalgunha maneira.
-- Tamén contaban contos arredor do lume e dicían adiviñas, coma estas:
-- A cor do ouro teño
Por unha risada perdín canto teño.
-- ¿Que é...? A castaña, claro.
-- Ou esta: Outo, outo cabaleiro
dálle a risa e cáelle o diñeiro.
-- Nós, seguindo a tradición, facemos esta festa en honra da castaña que tanta fame lle quitou aos nosos antepasados.
-- Así que:

Aquí temos O Magosto
Que viva a festa rachada
Os meniños desta escola
Farán pronto a castañada.

-- Esperamos pasalo moi ben.
-- Así que... co outono chegan as castañas, pero non esquezas o Samaín.
-- Tes razón: a famosa festa dos pobos celtas, que significa a fin do verán e o principio do inverno.
-- Celebrábano con grandes festas, sobre todo a noite do 31 de outubro ao primeiro de novembro.
-- Os celtas pensaban que, xusto esa noite, a porta doutro mundo se abría e as ánimas viñan visitar o mundo dos vivos. De aquí vén a nosa celebración do Día de defuntos, o 2 de novembro.
-- Para afastar os malos espíritos, estes pobos celtas colgaban as caveiras dos inimigos iluminadas en sitios visibles.
-- A nosa tradición de facer monecos coas cabazas é un recordo deste costume celta.
-- E agora os nenos de 5º van cantar unha copla do Magosto. E con isto acabamos. Moitas grazas, e ata o próximo programa.