20/12/24

FESTIVAL DE NADAL

 Como cada ano por estas datas volvemos celebrar un festival de Nadal, así que estivemos traballando as semanas previas para que cada curso interpretase unha ou dúas panxoliñas ou cantos de Nadal. Onte cantamos, tocamos e bailamos para todas as compañeiras, compañeiros e mestras e mestres do colexio, e esta mañá fixémolo para as familias. Estamos moi contentas/os co resultado. Foi todo un éxito!! Ademais, recibimos a visita sorpresa dunha elfa á que puidemos entregarlle as cartas cos nosos desexos. Cántas emocións!!
Con toda esta ledicia acumulada desexámosvos Bo Nadal e Boas Festas!! 
🎄🎊🎉🎈🎶🎵🎆☃
 



 


19/12/24

RECOMENDACIÓNS LECTORAS

Aquí vos deixamos as recomendacións lectoras que elaboramos co Equipo de Biblioteca para este Nadal. Son suxestións para que llelas pidades aos Reis Magos, a Papá Noel, ao Apalpador ou a quen vos traia os regalos. Xa nos contaredes qué lestes e se vos gustou. Boas Festas e boas lecturas!!





16/12/24

CONCERTO ÁREA PANORÁMICA

Esta mañá o alumnado de 4º de Educación Primaria e o de 4º, 5º e 6º de Educación Infantil participamos nun concerto con outros cinco centros educativos do noso Concello na Área Panorámica de Tui. Interpretamos as panxoliñas que aprendemos para o festival e dedicámosllas a un público repleto de compañeiros/as, mestres/as e familiares. Nunca estiveramos nun escenario tan grande, impoñía un pouco, pero igualmente fixémolo de marabilla. Aquí vai unha pequena mostra.





12/12/24

RADIO MUNICIPAL DE TUI

Tamén hoxe, ás 12h, dúas das nosas alumnas de 4º curso, Adriana e Daniela, foron á Radio Municipal de Tui a falar da actuación na que van participar o próximo luns 16 de decembro na Área Panorámica. Estaban algo nerviosas por iso de saír na radio en directo, mais fixérono fenomenal e encantoulles a experiencia.



VISITA A "PAZ Y BIEN"

Esta mañá o alumnado de 1º, 2º e 3º de EP xunto cos seus mestres e mestras achegáronse á residencia Paz y Bien de Tui. Foron visitar ás persoas maiores que viven alí, cantáronlles as panxoliñas que aprenderon en clase de música, cantaron algunhas outras con eles/as e intercambiaron postais por agasallos. Foi unha fermosa xornada de convivencia.















07/12/24

TRABALLANDO NA HORTA

O día 15 de novembro de 2024 o alumnado de 1º, 2º e 3º de primaria sementaron fabas (vicia faba) co profe Pedro. A faba é unha planta característica da zona na que vivimos, moi resistentes para a tempada de inverno e de rápida recolección. Primeiro prepararon a terra para logo sementar e regar. Ao cabo de tres semanas xa estaban xerminando! O alumnado seguirá o proceso desde que se sementou ata a súa recolección. Ademais recolleron un refrán asociado ao momento da sementeira como é “a faba e o nabo no nabal cando o viño no lagar”, polo que iniciamos o proceso con algo de atraso. Tomaremos nota para a seguinte campaña do saber popular. 





 

25/11/24

25N

 O 25 de novembro é o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a muller. É unha data que recordamos todos os anos, mais o deste curso foi "especial" porque esa violencia tocounos directamente. E tivemos que canalizar todos os sentimentos que nos provocou esa acción e traducilos nunha xornada de moita aprendizaxe.

Durante os días previos estiveramos preparando a data co lema de "Que non che corten as ás".

Mais cando chegamos a mañá do venres, descubrimos no muro da entrada unha pintada cun insulto moi forte a unha mestra do centro, polo que decidimos converter o muro do insulto no muro do respecto, e de aí saíu outro lema: "Se insultan a unha, insultan a todas". Traballamos durante a mañá para colocar a frase nun mural e para falar do tema con profundidade nas aulas.

A canción escollida para este día foi "Loba" de Rozalén, tema moi axeitado para a ocasión.




30/10/24

SAMAÍN

O día de Samaín foi un día de clase normal, agás no recreo e no proxecto lector, cando o pasamos terrorificamente ben 💀👿💥. Puidemos ir disfrazados/as ao cole, e a esa hora bruxas, demos, monstros e esqueletos sacamos fotos coa decoración tan chula que se foi colocando a semana pasada, e vimos na biblioteca o vídeo do conto "A casa dos espíritos" que crearon os e as de 5º e 6º... vós xa o vistes?👻👻👻


29/10/24

A CASA DOS ESPÍRITOS

En clase de Lingua Galega, en 5º e 6º, inventamos un conto terrorífico. Deunos bastante traballo: houbo que escoller unhas ideas e desbotar outras, redactar o texto, ilo modificando ata que quedamos convencidas..; despois buscar imaxes para ir representando o escrito; gravar o audio; e xa por último editar todo. O resultado pagou a pena, aquí volo deixamos. Pero tede coidado... dá mooooito medo!!! 


27/10/24

PRESENTACIÓN SAMAÍN

Achégase o Samaín. Dende o Equipo de Dinamización da Lingua Galega elaboramos esta presentación multimedia para que todo o alumnado aprenda ou lembre a procedencia desta celebración e certas tradicións relacionadas con ela. Aquí vola deixamos para que vós tamén poidades vela. 


 

25/10/24

APADRIÑAMENTO LECTOR

Onte chegou o primeiro apadriñamento lector do curso. Para celebrar o Día das Bibliotecas, o 24 de outubro, os e as maiores do cole léronlles aos/ás máis pequenos/as. Unha vez máis resultou todo un éxito. Gústanos ler, pero tamén nos encanta que nos lean, a que si?



18/10/24

MAGOSTO 2024

Qué ben o pasamos celebrando o Magosto no cole.. O mal tempo non nos impediu festexalo.

Fixádevos en cántos e qué traballados están os portacastañas, quedáronnos xenial!! Cantamos a canción de Susa Herrera que estivemos ensaiando as semanas previas e tamén o fixemos fenomenal. As castañas estaban boísimas, as nosas profes serven para todo, ata son boas cociñeiras. Despois xogamos ao pano, ás carreiras de sacos, a encestar as castañas, á castaña no paracaídas.. Foi unha xornada moi completa e moi divertida. Aquí algunhas imaxes que dan boa conta do ben que resultou. 












13/09/24

Benvido curso 2024-2025!!

Benvidas todas e todos ao curso 2024-2025!

No equipo de EDLG estamos preparando unha chea de actividades, xa volas iremos contando...