16/03/25

CIDADES E COMUNIDADES SOSTIBLES

 "Cidades e comunidades sostibles" é o título do proxecto de centro que escollemos para este curso escolar. É un proxecto transversal e interdisciplinar que queriamos que estivese relacionado cos ODS (Obxectivos de desenvolvemento sostible). Participamos en moitas actividades arredor do proxecto, unha delas foi facer a dobraxe en lingua galega deste vídeo por parte dos cursos de 3º e 4º de EP.




 
 


08/03/25

SEMANA DA PRENSA

 Empezamos marzo coa semana da prensa, este ano con noticias relacionadas co noso proxecto de "Cidades e comunidades sostibles".

Participou o alumnado de todos os niveis de EI e EP. Aquí vos deixamos algúns dos resultados expostos polos corredores do centro.


28/02/25

ENTROIDO

 Levamos toda a semana de troula, e hoxe non paramos. Entre os obradoiros de pintar as caras, o de facer filloas, os de baile, pulseiras, máscaras.. e o desfile.. quedounos un Entroido sostible ben xeitoso.



24/02/25

DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO

Cada 23 de febreiro celebramos o aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, a nosa poeta por excelencia. E cada ano tentamos facer a celebración cunha actividade diferente. Desta vez, escollemos facer ver a importancia de Rosalía polo mundo buscando información de todo o que leva o nome de Rosalía durante as semanas previas, así:

- Ed. Infantil: prazas e parques

- 1º e 2º EP: teatros, museos e edificios culturais

- 3º e 4º EP: colexios e institutos

- 5º e 6º EP: rúas, avenidas, estradas..

As compañeiras e compañeiros de 5º e 6º tamén gravaron un pequeno resumo da súa vida e obra.

O día 24 reunímonos no vestíbulo do edificio principal, escoitamos ese audio pola radio, e ao rematar, achegámonos aos mapas de Europa e de Galicia a colocar as primeiras chinchetas do atopado. Continuaremos colocando pouco a pouco cada curso cando poida, que son moitísimas.


21/02/25

CHEGOU O ENTROIDO!!

Xa temos todo preparado para a festa do Entroido. O Meco empezou a mandar e ninguén pode rechistar.

Aquí vos deixamos os mandados do Meco para toda a semana por se precisades preparalos con tempo. Non hai que mercar nada, todo podemos solucionalo con prendas que teñamos por casa ou que alguén nos empreste. 






13/02/25

DÍA MUNDIAL DA RADIO

Con motivo da celebración do Día Mundial da Radio, que é hoxe, xoves 13 de febreiro, dende a Radio Municipal de Tui convidaron aos centros educativos do concello a formar parte desta conmemoración tan especial. A radio é un medio de comunicación que nos acompaña, nos informa e nos dá voz, e qué mellor xeito de celebralo que implicando ás xeracións máis novas.
A proposta de actividade para que o centro participase activamente foi convidar ao alumnado e ao profesorado a gravar pequenos audios respondendo á pregunta "Que é para ti a radio?". Estes audios emitíronos ao longo da xornada especial que realizaron polo Día Mundial da Radio.
Aquí deixamos algúns dos nosos.
 




30/01/25

DÍA DA PAZ

Para o Día da Paz, o 30 de xaneiro, este ano preparamos a canción “Fronteiras” de Guadi Galego, que cantamos e acompañamos con xestos todo o alumnado do centro no vestíbulo do edificio principal. Quedounos ben fermoso! 

Ao ser un día especial aproveitamos para facer o segundo acompañamento lector deste curso, e ao rematar a canción, as compañeiras e compañeiros de Educación Infantil, recitaron un poema de Paz que tamén lles saíu fenomenal.

Como resumo do día de hoxe queremos dicirvos que desexamos que todos os días sexan Día da Paz  💙💚💛💜